Desfile do Entroido

O vindeiro venres, día 17 de febreiro, o Ceip. de Figueiroa celebrará o seu tradicional festival do entroido tal como vén celebrando nos últimos anos; é dicir, aberto a todos os membros da comunidade Educativa do noso centro. Saímos así ao paso dos rumores  que circulaban pola rúa que informaban de que non se permitiría o acceso a pais e nais como medida de presión do Claustro de profesores diante dos recortes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Queremos informar a toda a comunidade educativa que o Claustro acordou, para este curso escolar, celebrar todas as actividades sempre e cando se realicen dentro do horario lectivo; é dicir que non impliquen xornada de tarde, agás o Proxecto Arce (saída a Rasquera-Reus) por ser un proxecto bianual e comprometido no curso 2010-11.

O desfile do entroido terá lugar no pavillón de deportes do centro e dará comezo ás 10:30 h. Participarán a totalidade dos alumnos/as.